Sunday 19 de May de 2024

O Concello instala unha nova estación de vixilancia da calidade do aire na praza de Pontevedra


A nova infraestrutura permitirá analizar os principais indicadores nunha contorna densamente poboada e a súa evolución no tempo

O Concello da Coruña conta cunha nova estación de vixilancia da calidade do aire de última xeración na praza de Pontevedra que permitirá a avaliación ambiental dunha contorna densamente poboada. O proxecto foi financiado con cargo aos fondos do Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiados pola Unión Europea (Next Generation), e forma parte dun conxunto de actuacións de mellora da avaliación ambiental que permitirán posicionar ao Concello á altura das grandes cidades europeas en materia de control de contaminantes ambientais grazas ao despregamento de novos sensores e a diversas ferramentas de modelización ambiental de alta resolución espacial.

A mellora da calidade do aire, a redución de gases de efecto invernadoiro e a minimización do ruído ambiental, preséntanse como os principais vectores a reducir nas cidades grazas a esta figura de protección, polo que é fundamental dispoñer de sistemas que permitan obter información ambiental de alta fiabilidade para analizar o estado do medio ambiente e a súa evolución unha vez implantadas as medidas de mitigación.

A Coruña conta cun longo percorrido no campo da avaliación ambiental, dispoñendo actualmente dunha das mellores redes de vixilancia da calidade do aire de toda España, e os fondos Next Generation permitiron consolidala e poñela ao servizo do principal proxecto tractor da mellora da calidade ambiental nas cidades, que son as Zonas de Baixas Emisións.
O Goberno de Inés Rey reforza deste xeito o seu compromiso coa mellora da calidade de vida da cidadanía, buscando coñecer os principais indicadores ambientais para, si é preciso, poder implementar medidas que redunden nunha maior calidade de vida das persoas.

A nova estación da praza de Pontevedra ten a singularidade de aproveitar un espazo que actualmente estaba en desuso, permitindo así, por unha banda, a súa rexeneración e, polo outro, poñer ao servizo da poboación do municipio un equipamento que vixiará permanentemente da súa saúde con instrumentos da máis avanzada tecnoloxía. Así, aosequipos de medida de Ozono, Monóxido de Carbono, Óxidos de Xofre, Óxidos de Nitróxeno e BTX (Benceno, Tolueno e Xileno), esta estación engade un equipo de medida de Black Carbon (fumes negros), contaminante aínda non regulado na lexislación pero de importancia emerxente polos problemas de saúde que carrexa e por ser un dos principais causantes do efecto invernadoiro, tras o CO2, pola súa capacidade de absorber a radiación solar. As analíticas que se fagan permitirán avaliar por primeira vez nesa zona a calidade do aire dun xeito integral.

O investimento de 254.287,55 euros, destinado á compra de equipos e habilitación do recinto, permitiu tamén completar a renovación das estacións de calidade do aire da Fábrica de Tabacos e do parque de Santa Margarita con equipos de BTX e de partículas PM10 e PM2,5 respectivamente.